Nothing pon á venda un smartphone especialmente económico

luns, 8 de xullo do 2024 Marcus Fernández

O CMF Phone 1 chega ao mercado en 3 cores distintas

A marca Nothing continúa a ampliar o seu catálogo, principalmente nas súas vertentes máis económicas, como un xeito de chegar a un maior público, apostando sempre por deseños orixinais ou simplemente diferentes ao que estamos afeitos, o que pode ser dabondo para moitos consumidores para achegarse á marca.
Hai pouco trouxeron ao mercado o Nothing Phone (2a), un móbil de gama media que custaba inicialmente a partir de 329 euros e que xa podemos conseguir por 299 euros; e para seguir medrando nesa dirección optaron por empregar unha segunda marca, CMF, na liña do que fai Xiaomi coa marca Redmi, e presentan o CMF Phone 1.
O CMF Phone 1 é un smartphone bastante ordinario en prestacións (procesador MediaTek Dimensity 7300 5G, pantalla Super AMOLED de 6,67 polgadas, cámara traseira principal de 50 Mpíxeles e frontal de 16 Mpíxeles, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 33 watts e resistencia IP52, que chega a un prezo que parte dos 199,99 euros, e como factor diferencial conta coa integración de ChatGPT e cun deseño personalizable, que permite dende intercambiar a súa carcasa traseira (cun prezo de 35 euros cada carcasa) até conectarlle accesorios como un soporte (á venda por 25 euros), unha correa (cun prezo de 25 euros) ou unha funda para tarxetas bancarias (á venda por 25 euros).
O modelo máis económico chega con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, poden adquirirse por 269 euros unha versión con 256 GB de almacenamento.

Accesorios

Cómpre salientar que o produto non estará só, senón que chega acompañado polo CMF Bud Pro 2, auriculares sen fíos con cancelación de ruído cun prezo de só 59 euros, e o CMF Watch Pro 2, reloxo conectado con monitorización de actividade e función de chamada cun prezo de só 69 euros.
Queda por ver como será a recepción do mercado ante esta liña económica de produtos, pero o feito de que poidan adquirirse en España a través de Amazon xoga ao seu favor, e CMF podería converterse nunha atractiva alternativa aos produtos doutras marcas chinesas cun menor coidado a nivel de deseño.