Nothing presenta oficialmente o seu primeiro smartphone
martes, 12 de xullo do 2022
Un dos fundadores de OnePlus, Carl Pei, decidiu emprender un
novo proxecto tecnolóxico empresarial, Nothing, compañía que hai un ano estreou
os rechamantes auriculares
ear (1), que mesturaban un deseño único con tecnoloxía de cancelación de
ruído, quedando á espera do lanzamento dun smartphone, produto sobre o que
había unha grande expectación e que por fin está aquí o Phone (1).
Curiosamente non estamos ante un teléfono móbil de gama alta, senón que o Phone
(1) confórmase con funcionar cun procesador Qualcomm Snapdragon 778G+, o que
permítelle ter un prezo de partida de 469 euros, o que facilitará que chegue a
un público bastante amplo, xa que dende Nothing son conscientes do difícil que
é vender móbiles Android a prezos elevados.
Este interesante smartphone segue a liña dos auriculares da marca, cun deseño
moi rechamante, que ten como marca distintiva unha serie de bandas LED na súa
parte traseira que serven para indicar cando se reciben chamadas e notificacións,
serve de indicador do nivel de carga do móbil, pode usarse como luz de apoio en
fotografía e tamén indica cando se está a usar a función de carga inversa sen
fíos.
Se deixamos a un lado o seu deseño e a súa batería con carga sen fíos con carga
inversa, estamos ante un móbil bastante semellante a moitos outros de gama
media que hai no mercado actualmente, cunha pantalla AMOLED Full HD+ de 6,55
polgadas cunha velocidade de refresco de 120 Hz, 8/12 GB de RAM LPDDR5X,
128/256 GB de almacenamento UFS 3.1, altofalantes estéreo, lector de impresións
dixitais en pantalla, protección IP53 e batería de 4.500 mAh con carga rápida
de 33 watts (e carga sen fíos de 33 watts).
Onde si pretende destacar é na súa cámara traseira dupla con 2 sensores de 50
Mpíxeles, dos que o principal é un Sony IMX766 con estabilización óptica, que
promete sacar boas instantáneas, como tamén busca a súa cámara frontal de 16
Mpíxeles.
Dado que Nothing é unha empresa con moito en común con OnePlus, o que non é
unha sorpresa é que o Phone (1) teña unha versión de Android 12 bastante limpa,
prometendo 3 anos de actualizacións de sistema e 4 anos de actualizacións de
seguridade, detalles que convencerán a moitos partidarios da experiencia de uso
de Android dos móbiles Pixel a darlle unha oportunidade a este novo dispositivo.
Conseguirá facerse un oco no mercado este novo móbil pese a ter que enfrontarse
a móbiles con mellores especificacións e cun prezo menor? Será dabondo a súa
orixinal aposta polo deseño para que Nothing poida consolidarse como unha marca
á que ter en conta?