Nothing presenta un novo smartphone de gama alta

martes, 1 de xullo do 2025 Marcus Fernández

En 2022 chegou ao mercado o primeiro smartphone da marca Nothing, promovida por Carl Pei (un dos fundadores de OnePlus), destacando por ofrecer unhas boas prestacións e un deseño sen igual a un prezo de partida de 469 euros, chegando a súa segunda xeración en 2023 a un prezo de 649-799 euros, mantendo a mesma liña de deseño e mellorando substancialmente o seu procesador, entrando xa na gama alta.
Curiosamente en 2024 a compañía optou por lanzar un móbil de gama media, con prezos de 329-379 euros, polo que a proposta deste ano, o Nothing Phone (3) sorprende por renovar a súa estética e ter un prezo de 799-899 euros, distanciándose bastnate dos móbiles anteriores en rango de prezo, o que claramente supón un risco dado o seu agresivo deseño.
O Phone (3) chega cun procesador Qualcomm Snapdragon 8S Gen 4, 12/16 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamento, pantalla AMOLED de 6,67 polgadas cunha resolución de 1.260 x 2.800 píxeles cunha velocidade de refresco adaptativa de 120 Hz e un brillo máximo de 4.500 nits, cámara traseira tripla con sensores de 50 Mpíxeles (unha cámara principal con estabilización óptica, unha cámara periscópica cun zoom óptico de 3 x e estabilización óptica e un ultra grande angular), cámara frontal de 50 Mpíxeles, batería de 5.150 mAh con carga rápida de 65 watts por cable e 15 watts sen fíos (contando incluso con carga inversa por cable e sen fíos) e cun sistema operativo baseado en Android 15 que promete 5 anos de actualizacións de sistema e 7 anos de parches de seguridade.
Estamos claramente ante un smartphone de gama alta, que como detalle significativo ten unha nova tecnoloxía de iluminación traseira Glyph, que en vez de repartirse por toda a traseira mediante distintos módulos de grande tamaño, agrúpase nunha pequena pantalla circular nunha esquina, polo que é unha solución máis discreta e menos complexa, aínda que segue a servir para que esteamos ante un dispositivo moi recoñecible, mantendo o sinal de identidade da marca.

Vídeo sobre o Phone (3), no que explican a longa espera por este novo smartphone