Nothing presenta uns auriculares con deseño aberto

martes, 24 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Aparte de móbiles bastante orixinais, dende Nothing tamén teñen unha boa selección de auriculares aos que vai incorporarse un novo modelo bastante interesante, os Ear (open), que terán un prezo de 149 euros e que buscan satisfacer aos consumidores que queiran gozar de calidade sonora sen deixar de escoitar o que acontece ao redor grazas ao seu deseño aberto.
Estamos ante un produto destinado a usuarios que queren empregar os auriculares en exteriores dun xeito seguro, cun detalle que os diferenza de auriculares semellantes como os OpenFit de Shokz, que consiste nun altofalantes direccionais que emiten unhas ondas cara o interior do ouvido e unhas ondas para cancelar tal son cara ao exterior, mantendo así na intimidade o que esteamos a reproducir.
Os auriculares teñen un peso de só 8,1 gramos, e un deseño que permite un axuste seguro (pensando na práctica de deportes), mentres que o seu estoxo de carga presume dun grosor de só 19 milímetros, facilitando así o seu transporte. Os auriculares teñen unha autonomía de até 8 horas, que poden ampliarse até as 30 horas grazas ao estoxo de carga (que ten un peso de só 63,8 gramos).
Os Ear (open) funciona con Bluetooth 5.3 e LE, soportan Microsoft Swift Pair e Google Fast Pair, teñen resistencia IP54, poden conectarse a dous dispositivos á vez, contan con modo de baixa latencia e tamén integran tecnoloxía de reforzamento de graves.
Un produto moi interesante para os que queiran uns auriculares abertos que permitan escoitar o que acontece ao redor sen ter que optar por auriculares de transmisión ósea (moi populares entre deportistas, pero cunha calidade sonora inferior á de auriculares máis tradicionais).

Vídeo no que presentan os novos auriculares de Nothing