Nothing sorprende presentando uns auriculares de diadema

martes, 1 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Nothing consolidou a súa imaxe de marca cun deseño moi tecnolóxico e rechamante, que agora levan a uns auriculares de diadema especialmente rechamantes, que non só locen a estética dos móbiles de Nothing, senón que tamén sorprende por controlarse a través dunha chea de botóns físicos, en contraste cos xestos táctiles polos que apostan os fabricantes do resto de auriculares dentro deste segmento.
Estes auriculares, os Headphone (1) prometen un son de calidade grazas á colaboración de Nothing co fabricante de audio de alta fidelidade KEF, contan con transdutores de 40 milímetros, cancelación de ruído de ata 42 dB, 6 micrófonos, Bluetooth 5.3 con soporte para AAC, SBC e LDAC, modo de baixa latencia, sistema de emparellado rápido, conectores USB-C e mini-jack e unha batería de 1.040 mAh con ata 80 horas de autonomía de reprodución musical coa cancelación de ruído desactivada (coa cancelación activada a autonomía caería ata as 35 horas) precisando 2 horas para unha carga completa (aínda que 5 minutos de carga darían para ata 5 horas de reprodución musical).
Como comentamos, os seus múltiples botóns permiten controlar o acendido e o emparellamento, controlar a reprodución musical, desprazarse dentro de cancións e incluso invocar a un asistente de voz. Xunto co deseño, ese elemento sería un dos factores máis importantes á hora de elixir estes auriculares, que poderían resultar atractivos para os usuarios que gusten dos controis físicos, aínda que a estética agresiva poida supor unha barreira tan importante como o seu prezo de 299 euros (pois a prezos moi semellantes hai produtos que ofrecen melloras en todos os aspectos).

Vídeo promocional dos auriculares de diadema de Nothing