Nova Escola Galega publica medidas para mellorar a dixitalización das nosas aulas
martes, 16 de setembro do 2025
A Revista Galega de Educación que edita Nova Escola Galega publicou o monográfico A dixitalización e E-Dixgal nas aulas, que inclúe un documento no que se ofrecen recomendacións en relación aos procesos de dixitalización que se están desenvolvendo nos centros educativos das diferentes etapas educativas.
O artigo Medidas necesarias para mellorar a dixitalización nas aulas galegas procura servir de axuda a colectivos e institucións dos que se espera que tomen medidas en relación á cuestión, en concreto a administración, centros educativos, universidade, profesorado, familias e alumnado. Tócanse cuestións como a definición do proceso de dixitalización nos centros e como favorecer o coñecemento das súas posibilidades ou, tamén, como entender que dixital e impreso poden convivir nas aulas.
Trátase dunha proposta coordinada polo profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez na que durante varios meses estiveron traballando persoal investigador e docentes de Galicia e doutras comunidades, nomeadamente do grupo Cavila de Materiais de Nova Escola Galega e do grupo configurado polo equipo do proxecto de investigación Secundari@ Dixit@l.
Todas e todos eles propoñen nese artigo a creación dunha Comisión de Dixitalización nos centros educativos que deseñe e desenvolva unha planificación compartida na que o conxunto da comunidade educativa expoña as súas inquedanzas, expectativas e necesidades. Outro dos eixos sobre os que pivotan estas recomendacións para aproveitar as posibilidades que ofrece a dixitalización é a “adecuada” formación do profesorado, pero tamén das familias e do propio alumnado.
Sobre E-Dixgal
O monográfico tamén pon o foco no debate xerado arredor das vantaxes e desvantaxes da iniciativa de dixitalización das aulas de Galicia, E-Dixgal. Seguindo este fío, as persoas autoras consideran necesaria unha “análise sosegada” do que ten sido a aplicación e desenvolvemento do programa, “contando coas voces dos diferentes colectivos implicados e achegas realizadas dende a investigación”. Igualmente, aseguran, “tendo en conta que un dos aspectos centrais de E-Dixgal xirou ao redor do libro de texto, convén realizar en Galicia un debate colectivo sobre o sentido e significado do Libro de Texto na Escola e as implicacións que comportan na práctica educativa”.
Máis publicacións
Dende a Universidade de Santiago tamén lembran que vén de publicarse na editorial McGraw o libro Evaluation of digital materials and resources in education. Analysis and proposals, que coordinan o profesor da USC Jesús Rodríguez Rodríguez e Diana Marín Suelves e Ana Luisa Sanabria-Mesa, das Universidades de Valencia e da Laguna, respectivamente.
O libro recolle en 27 capítulos os resultados do primeiro estudo do proxecto de investigación estatal Os materiais didácticos dixitais na Educación Secundaria Obrigatoria. Análises e propostas para o seu uso escolar e sociofamiliar. Secundari@ Dixit@l, e supón á súa vez unha actualización de traballos e investigacións relacionadas coa avaliación dos materiais didácticos e orientación para a selección e utilización de recursos dixitais.
Participaron na súa elaboración diferentes profesionais cunha longa traxectoria na reflexión e investigación sobre a análise dos materiais didácticos no panorama estatal e internacional. En concreto, o traballo foi prologado polos docentes Jaume Martínez Bonafé (UVA), Graciela Mª Carbone (Universidade Nacional de Luján-Arxentina), Tania María F. Braga García (Universidade Federal de Paraná-Brasil) e Eric Bruillard (presidente de IARTEM-Francia).
A obra atópase dispoñible en aberto dende o repositorio Minerva.
