Nova Pescanova lanza web para mellorar a oferta e actividade dos hostaleiros

luns, 18 de febreiro do 2019 Redacción

O Grupo Nova Pescanova vén de lanzar unha nova web para dar servizo ao sector hostaleiro. Trátase de Fishsolutions, un servizo en liña que foi presentado no marco da Feira HIP 2019 e que ten o obxectivo de “apoiar o sector profesional hostaleiro coa mellor oferta de produtos e cun asesoramento especializado para a xestión dos seus negocios”. A páxina responde ao desafío de acurtar as distancias entre os produtos do mar e os múltiples e variados integrantes do sector, así como o consumidor final.
Mediante esta nova plataforma, o grupo pon en xogo recursos para facilitar o día a día dos establecementos gastronómicos, como por exemplo ideas para menús personalizados (cunha ampla escolma de receitas que seguen as últimas tendencias de consumo), técnicas culinarias ou datos de utilidade sobre os sabores máis demandados. O portal ten ás súas costas un equipo de especialistas culinarios que fornecen aos hostaleiros de servizos de consultoría e xestión, co fin de achandar o camiño para mellorar a oferta, maximizar a rendibilidade dos negocios e medrar empresarialmente.

PUBLICIDADE