Nova achega de 28 millóns de euros para fortalecer a innovación e a innovación no Sistema Universitario de Galicia

mércores, 11 de decembro do 2024 Redacción

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e os reitores das universidades públicas galegas, Antonio López (Universidade de Santiago), Manuel Reigosa (Universidade de Vigo) e Ricardo Cao (Universidade da Coruña), asinaron hoxe dous acordos en materia de I+D+i e de equipamento científico-técnico.
Estes convenios supoñen un investimento total de máis de 28 millóns de euros para fortalecer a innovación e a investigación no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Deles, a Universidade de Santiago de Compostela recibirá máis de 11,6 millóns de euros, a de Vigo máis 8,8 millóns de euros e a da Coruña máis de 7,6 millóns de euros. Os acordos asinados reflicten o compromiso da Xunta e das universidades públicas por consolidar un sistema máis eficiente e competitivo.

Accións estratéxicas por universidade

Por unha banda, formalizáronse os acordos para accións estratéxicas de I+D+i no período 2023-2024, que supoñen unha inxección adicional de 4,6 millóns de euros. Con este incremento, a dotación total destes convenios pasa de 14 millóns de euros a preto de 19 millóns de euros, un 33% máis do inicialmente previsto, co obxectivo de intensificar a actividade investigadora e a produtividade científica.
Ao abeiro deste acordo, a Universidade de Santiago de Compostela vai reforzar as contías de apoio aos seus centros de investigación, aos seus centros da Rede CIGUS, a actividades de divulgación da investigación e a promover melloras da calidade dos seus mestrados, entre outros.
No caso da Universidade de Vigo, concentrará o investimento en afianzar obras singulares de apoio á investigación, intensificar o apoio aos seus centros de investigación, o desenvolvemento de accións de alto impacto en I+D+i, captación de talento e promoción da calidade da docencia.
No caso da Universidade da Coruña , afianzará as accións de impacto xa previstas co impulso específico do desenvolvemento do proxecto SIGMA ACADEMICS (un novo software de xestión académica integral), o reforzo dos campus de especialización e dos laboratorios tecnolóxicos, entre outros.

Equipamento científico-técnico

O segundo convenio asinado compromete ao Goberno galego a destinar 9,3 millóns de euros a un novo acordo de colaboración dirixido á modernización do equipamento científico e tecnolóxico das universidades galegas, así como ao reforzo dos recursos innovadores. Ademais, este pacto permitirá crear unha plataforma compartida para o intercambio de recursos científicos e técnicos entre os centros universitarios, favorecendo un uso máis eficiente e coordinado das infraestruturas dispoñibles.
O primeiro bloque do acordo céntrase no reforzo dos recursos innovadores destinados aos estudos de grao e mestrado a través da adquisición de equipamento científico e instrumentación avanzada, acondicionamento e dixitalización de espazos educativos, acceso a recursos dixitais e a conformación de plataformas de coñecemento e divulgación que permitan aos estudantes e docentes manterse á fronte do desenvolvemento tecnolóxico e adquirir as competencias necesarias a través dos seus estudos universitarios.
Isto tradúcese no acceso a licenzas de software, recursos bibliográficos, plataformas de coñecemento, así como á adquisición de equipos informáticos, simuladores ou material de todo tipo para os laboratorios dos estudos de grao e mestrado. Inclúese, tamén, equipamento e infraestruturas con destino aos tres Campus de Especialización acreditados pola Xunta de Galicia (Campus Industrial de Ferrol, Campus Terra de Lugo e Campus Auga de Ourense), que representarán un punto chave polo seu impacto no desenvolvemento das potencialidades económicas do seu entorno máis próximo.
O segundo bloque do acordo centra os seus esforzos no fortalecemento das infraestruturas dos servizos centrais, así coma na consolidación do equipamento dos centros da Rede CIGUS, que agrupa os mellores centros de investigación universitaria de Galicia, coa finalidade de executar proxectos de investigación de calidade e maximizar o impacto das súas actividades.
Ademais, o acordo inclúe a habilitación dun espazo na páxina web da Rede CIGUS para facilitar compartir o equipamento científico-técnico con outros centros da Rede CIGUS, centros colaborativos ou centros tecnolóxicos, sen custo e baixo petición. Durante o período no que o material estea compartido, haberá un técnico a disposición para facilitar o uso do mesmo.