Nova cámara LUMIX con zoom de 12x e gravación de vídeo en alta definición

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Panasonic está a renovar o seu catálogo de cámaras dixitais compactas LUMIX, e destaca especialmente a LUMIX DMC-ZS3, que capta imaxes a 10,1 Mpíxeles, conta cunha lente de ultra-gran-angular de 25 mm e un zoom óptico de 12x.
Esta nova cámara sería unha evolución da serie TZ, ampliando o zoom de 10 a 12, e mellorando o angular de 28 a 25 mm, de xeito que se mellora substancialmente a versatilidade da cámara, que aparte dunha lente superior tamén é capaz de gravar vídeo en alta definición nun formato que Panasonic define coma AVCHD Lite, en referencia a que se trata de alta definición a 720p (e non a 1.080p, que sería a Full HD) o que é un estándar de facto en cámaras fotográficas e de vídeo na actualidade, por permitir unha compresión excelente que facilita a realización de longas gravacións.
Tamén conta con distintos modos de toma de fotografías e captura de vídeo, así como incorpora un procesador de imaxe (Venus Engine HD) que é conta con máis do dobre de potencia para soportar vídeo a 720p e a saída HDMI que permite a reprodución dos contidos captados pola cámara nun televisor de alta definición.
A cámara chegará ás tendas en abril en negro, prata, azul e vermello por un prezo recomendado de 399,95 dólares.

PUBLICIDADE