Nova cámara de acción de 360 graos de Insta360

martes, 22 de abril do 2025 Redacción

Insta360 vén de anunciar o lanzamento da súa nova cámara insignia: a Insta360 X5. Esta cámara combina unha calidade de imaxe sen precedentes, resistencia extrema e un manexo sinxelo grazas á intelixencia artificial, establecendo un novo estándar no mundo da captura inmersiva.
A X5 incorpora sensores de 1/1,28 polgadas (un 144 % máis grandes ca os da X4) e un sistema Triple AI Chip que ofrece unha mellora radical da calidade de imaxe, con capacidade para gravar vídeo en 360 graos en resolución 8K a 30 fotogramas por segundo. Inclúe tamén PureVideo, un novo modo con IA que permite gravacións nítidas e cinematográficas en condicións de pouca luz.
A nova cámara presume de ser a máis resistente da súa clase. Inclúe lentes fabricadas cun novo vidro ultrarresistente e, por vez primeira, un sistema de lentes substituíbles que poden cambiarse sobre a marcha, ideal para situacións extremas. Ademais, conta con melloras como protección contra o vento, unha batería de ata tres horas de duración e impermeabilidade ata os 15 metros de profundidade (IP68).
Unha das novidades máis destacadas é o InstaFrame Mode, que grava ao mesmo tempo un vídeo plano preparado para compartir e outro en 360 graos, permitindo elixir o mellor ángulo a posteriori. A aplicación Insta360 tamén foi renovada con ferramentas máis intuitivas e compatibilidade co servizo na nube Insta360+, que permite gardar, editar e compartir contidos desde calquera lugar.
A Insta360 X5 está dispoñible para a súa venda a un prezo de 589,99 euros no seu paquete estándar, podendo adquirirse tamén en lotes que inclúen accesorios en función do uso que se queira dar á cámara (por exemplo, para gravar actividades de mergullo ou para empregar en viaxes en motocicleta).

Vídeo promocional da nova Insta360 X5