Nova cámara de acción ultracompacta de DJI

martes, 23 de setembro do 2025 Redacción

DJI presentou hoxe a súa nova cámara de acción Osmo Nano, un dispositivo ultracompacto que aposta por un uso de mans libres sen renunciar a unha calidade de imaxe propia de equipos profesionais.
O dispositivo destaca polo seu sistema de montaxe magnética de dobre cara, que lle permite acoplarse a practicamente calquera superficie ou accesorio, desde gorras e cascos ata colares para animais de compañía. Cun peso de apenas 52 gramos e unhas dimensións de 57 x 29 x 28 milímetros, convértese na cámara de acción máis pequena de DJI. Ademais, resiste inmersións de ata 10 metros sen carcasa adicional e ofrece protección IPX4 fronte a salpicaduras, suor e choiva cando se combina co dock multifuncional de transmisión de vídeo.
No apartado técnico, a Osmo Nano incorpora un sensor de 1/1.3 polgadas de nova xeración xunto cun procesador de imaxe que lle permite acadar un rango dinámico de 13,5 pasos. Isto tradúcese nun rendemento mellorado en condicións de pouca luz e nunha gravación en 4K a 60 fotogramas por segundo, con opción de cámara lenta en 4K a 120 fps.
Tamén inclúe un campo de visión ultra grande angular de 143 graos, vídeo en 10 bits e modo D-Log M, pensado para ofrecer maior marxe de manobra na posprodución. A estabilización corre a cargo de HorizonBalancing, que mantén o horizonte nivelado, e RockSteady 3.0, que reduce os tremeres da cámara.
O dock multifuncional amplía as opcións: funciona como pantalla táctil OLED, mando a distancia, cargador rápido e estación de transferencia de arquivos de alta velocidade, chegando a soportar taxas de ata 600 MB/s. Pode recargar a cámara ata o 80 % en 20 minutos e permite gravacións de ata 200 minutos en 1080p/24 fps ou unha hora en 4K/30 fps.
A nivel de son, a cámara integra dous micrófonos estéreo e permite emparellamento directo cos transmisores de micrófono DJI mediante a tecnoloxía OsmoAudio, ofrecendo unha calidade de gravación pensada para contidos inmersivos.
Os usuarios dispoñen tamén de modos creativos como a gravación horizontal e vertical, o control por xestos, a pregravación e a configuración de intervalos automáticos.
O novo dispositivo xa se pode mercar na tenda en liña oficial de DJI con entrega prevista para o vindeiro día 27. O prezo do pack estándar con 64 GB de memoria interna sitúase en 279 euros, mentres que a versión con 128 GB ascende a 309 euros. Ambos inclúen a cámara, o dock multifuncional e un conxunto de accesorios básicos para montaxe e protección.

Vídeo promocional da nova cámara DJI Osmo Nano