Nova cámara de formato reducido e obxectivos intercambiables de Panasonic

xoves, 4 de novembro do 2010 Marcus Fernández

O catálogo de cámaras micro catro terzos de Panasonic refórzase coa chegada da nova LUMIX DMC-GF2, unha nova cámara con sensor Live MOS de 12,1 Mpíxeles, Flash integrado no seu corpo, pantalla táctil de 3 polgadas, un lixeiro corpo de aluminio, un tamaño un 19% inferior ao da súa predecesora (a GF1), a posibilidade de gravar vídeo a 1.920 x 1.080 a 60/50 fotogramas por segundo en entrelazado cunha compresión AVCHD de 17 Mbps (en vez do vídeo a 720p co que contaba a GF1), unha sensibilidade de entre 100 e 6.400 ISO, tecnoloxía Live View con 23 puntos de enfoque, ráfaga de 3,2 imaxes por segundo, porto de conexión para visor electrónico, micrófono estéreo e compatibilidade do obxectivo micro catro terzos 3D da compañía.
O atractivo desta cámara é innegable, aínda que por desgraza haberá que agardar ao primeiro trimestre de 2011 par facerse con ela en 5 cores (branco, rosa, prata, vermello e negro). Agárdase que chegue ás tendas en paquetes con obxectivos de 14 mm pancake e 14-42 mm por un prezo que non debería superar os 600 euros.

Esta nova cámara micro catro terzos acepta multitude de obxectivos intercambiables

PUBLICIDADE