Nova cámara dixital compacta resistente á auga e ao po

xoves, 20 de maio do 2010 Marcus Fernández

De cara ao verán moitos consumidores buscan cámaras dixitais que combinen un deseño compacto e resistencia á auga e ao po, de xeito que poderían levarse sen problema á praia para retratar as vacacións ou as actividades náuticas, e pensando en cubrir tal necesidade chega a Sony DSC-TX5, cámara que están a analizar en distintas páxinas web e que resulta de grande interese por ter un grosor de só 17,7 milímetros, pantalla táctil de 3 polgadas, sensor de 10,2 Mpíxeles, estabilizador óptico de imaxe, soporte para tarxetas de memoria tanto Memory Stick coma SD/SDHC e gravación de vídeo en alta definición a 720p.
Aínda que non estamos ante unha cámara de grande calidade, o manter un tamaño moi compacto pese á súa resistencia é un tanto a favor, que fará que moitos opten pola mesma coma complemento para as actividades propias do verán. De todos os xeitos, a Sony DSC-TX5 consegue un balance de cor bastante acertado, compórtase dignamente en condicións de baixa luminosidade, permite tomar fotografías panorámicas e resulta bastante rápida (demorando só 1 segundo en acender e medio segundo entre fotografías).

PUBLICIDADE