Nova consola portátil de Ayaneo baseada en Android

luns, 2 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Tras o lanzamento de varias consolas portátiles de videoxogos orientadas á emulación de máquinas clásicas, Ayaneo sorprende agora presentando unha nova portátil baseada en Android, cunhas prestacións moi interesantes, que pon directamente á venda: a Ayaneo Pocket S Mini.
A nova consola está á venda en tres cores diferentes e con tres capacidades de memoria RAM e almacenamento interno (8/12/16 GB de RAM LPDDR5X e 128/256/512 GB de almacenamento UFS 4.0) a un prezo que parte dos 319 dólares (270 euros), o que podemos considerar que é un prezo bastante axustado para as súas características (de feito, tras o período actual de reservas o dispositivo terá un prezo de saída de 399 dólares).
O detalle máis atractivo desta nova consola portátil é que conta cunha pantalla cunha relación de aspecto 4:3 (ideal para os xogos retro) cunha diagonal de 4,2 polgadas e unha resolución de 1.280 x 960 píxeles. Tamén conta con pancas de xogo iluminadas con hall-effect (ou sexa, a proba do drifting que estraga os mandos da Nintendo Switch e outras consolas), altofalantes estéreo e materiais de calidade (cun marco metálico), polo que estamos ante un dispositivo deseñado para durar.
A Ayaneo Pocket S Mini funciona cun procesador Snapdragon G3x Gen 2, incorpora un sistema de refrixeración activa, a súa batería de 4.700 mAh permite gozar de longas xornadas de xogo e a capa de software achegada por Ayaneo facilita unha boa experiencia de xogo. A máquina ten unhas medidas de 167,1 x 77,85 x 18,5 milímetros e pesa 305 gramos, conseguindo así unha alta portabilidade.
Cómpre salientar que integra lector de impresións dixitais no botón de acendido, o seu porto USB 3.2 tipo C soporta velocidades de transferencia ata a 10 Gbps e incluso achega saída de vídeo DisplayPort 1.4, pode ampliar o seu almacenamento interno con tarxetas microSD e tamén integra conectividade sen fíos Wi-Fi e Bluetooth 5.3. Unha solución moi completa para quen queira gozar de xogos retro en mobilidade, nun formato que pode lembrar a unha consola PSP, pero que é capaz de correr xogos de PS2 ao triplo da súa resolución nativa.

Vídeo promocional da Ayaneo Pocket S Mini