Nova convocatoria de axudas para a dotar de banda larga ultrarrápida a empresas e autónomos de zonas illadas do rural

luns, 20 de marzo do 2017 Redacción

Dende mañá e ata o 20 de abril empresas e autónomos das zonas illadas do rural poderán solicitar axudas para o acceso a banda larga ultrarrápida. Con esta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a AMTEGA pon en marcha a segunda das actuacións do Plan de banda larga 2020 para a extensión da cobertura de redes de banda larga ultrarrápida na Comunidade.
A AMTEGA destina a esta convocatoria un orzamento de 500.000 euros, que se poderá ampliar ata un máximo de 1 millón de euros, en función da demanda. Estas axudas subvencionarán ata o 100% dos custos das tarefas necesarias para dotar de banda larga ultrarrápida á empresa, ata un máximo de 20.000€ por beneficiario. Non obstante, os proxectos deberán ter un custo mínimo de 2.000 euros.
Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).

Prazos e características da convocatoria

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación da convocatoria no DOG.
Os principais requisitos e obrigas que deberán cumprir os solicitantes serán non dispoñer actualmente da posibilidade de acceso a redes ultrarrápidas de cando menos 30 megas e manter a alta no servizo contratado inicialmente durante cando menos 1 ano.
Para cada solicitude valorarase a mellora que supón o servizo de banda larga ultrarrápida incluído na proposta, o esforzo inversor previsto e valoraranse tamén as solicitudes recibidas das pequenas empresas.

Redes ultrarrápidas en polígonos

Esta convocatoria é a segunda actuación do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que en xullo de 2016 puxo en marcha unha primeira actuación para conectar 81 polígonos industriais das catro provincias galegas a redes de ata 350 Mbps, que non contan con cobertura de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer deste servizo.
En 2016 completouse o despregamento en 17 polígonos. En 2017 cubriranse outros 30 e en 2018 os 34 restantes. Deste xeito, no ano 2018, un total de 130 polígonos, nos que se concentra case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporán de acceso a redes de máis de 100 Mpbs. O resto cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan.

PUBLICIDADE