Nova convocatoria de axudas para a promoción de obras audiovisuais e videoxogos
mércores, 5 de febreiro do 2025
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe as bases da convocatoria anual de subvencións para a comercialización e difusión exterior de proxectos e obras audiovisuais e videoxogos, ás que destina unha dotación de 70.000 euros. O obxectivo é favorecer a participación de empresas e profesionais da nosa terra en destacados foros de negocio especializados nestes ámbitos, así como contribuír á promoción dos filmes de produtoras galegas seleccionadas nas principais citas do circuíto internacional de premios e festivais.
Poden solicitalas tanto as produtoras como as persoas directoras dos filmes seleccionados nalgunha das seccións detalladas nas bases para financiar unha parte dos gastos das campañas promocionais e publicitarias, a tiraxe e subtitulación das copias e o desprazamento e participación no certame de ata cinco persoas dos equipos das películas.
- Área de negocios durante a pasada edición da Gamescom
A outra modalidade destas axudas ten por finalidade asumir parte dos custos da asistencia de empresas galegas do sector audiovisual e de videoxogos a foros de negocio especializados. En canto ao primeiro ámbito, inclúense na convocatoria 14 mercados, como o MAFIZ do Festival de Cine de Málaga, o Natpe de Miami (Estados Unidos), o MIPTV e o Marché du Film de Cannes (Francia) ou a feira do festival de curtametraxes que se desenvolve estes días en Clermont-Ferrand, tamén en Francia. No caso dos videoxogos, subvencionarase a participación no Gamescom de Colonia (Alemaña), Gamépolis de Málaga, IndiDevDay de Barcelona e Bigconference de Bilbao.
O prazo de solicitude destas axudas, que se conceden en réxime de concorrencia non competitiva, estará aberto até o 3 de novembro, ou até o esgotamento dos 70.000 euros convocados.