Nova convocatoria de axudas para dotar de conexión ultrarrápida áreas industriais e centros loxísticos

luns, 20 de xuño do 2022 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas destinadas a operadores de telecomunicacións para a cobertura de 68 ámbitos empresariais con redes gigabit, que conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para o período 2022-2023, e os operadores interesados dispoñen de 1 mes de prazo para presentar un ou varios proxectos cunha intensidade de subvención máxima do 80%. Esta medida enmárcase no investimento C15.I2 do Compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - Financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Esta é unha das catro medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibirá 19,1 millóns de euros para reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; á mellora da conectividade en centros públicos; á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios e a axudas 240 euros a colectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante 1 ano.
Esta medida complementará as actuacións da Xunta neste ámbito, que grazas ao Plan de banda larga 2020 completou a dotación de redes de ata 350Mbps no 93 % da superficie empresarial ocupada e facilitou o acceso a redes ultrarrápidas a empresas illadas e autónomos con tres liñas de axudas, a última lanzada este ano cun importe de 880.000 euros.
En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91 % dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100 % da poboación teña acceso a banda larga de polo menos 100 Mbps.
A pesar das limitacións nas actuacións definidas, a Xunta, a través da AMTEGA, está a dirixirse a todos os concellos da nosa comunidade para colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos.

PUBLICIDADE