Nova convocatoria de case 4 millóns para favorecer a transformación do noso comercio
xoves, 8 de xaneiro do 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou este xoves 8 de xaneiro en Ourense as tendas Turini Sport e Amodo, negocios beneficiarios das axudas para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, das que se vén de publicar unha nova convocatoria con 3,95 M€. Esta abrangue tres liñas compatibles entre si orientadas á dixitalización e innovación comercial, á modernización, mellora da imaxe e eficiencia e á sostibilidade ambiental mediante unha maior conciencia sobre as embalaxes.
Gabriel Alén explicou que “a orde deste ano inclúe novidades que buscan, entre outros fins, chegar a máis negocios beneficiarios, por exemplo a empresas con varias tendas que ata agora non podían acceder ás achegas, e avanzar na simplificación administrativa”.
Destacou a ampliación do período subvencionable para atender todas as actuacións realizadas desde o fin do período marcado na orde anterior, isto é, desde o 25 de outubro de 2025.
Axilizarase tamén a concesión das achegas ao exixir menos documentación complementaria e simplifícase o procedemento de concesión e de pagamentos anticipados co obxecto de axilizar as achegas. Ademais, as intensidades da axuda elévanse do 80 % xeral ao 90 % para establecementos implicados no proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas.
En canto ás accións obxecto da subvención, a liña de dixitalización e innovación comercial inclúe actuacións como a implantación e mantemento de páxinas web, ferramentas de posicionamento dixital, terminais de autopagamento, xestión de redes sociais ou loxística ecommerce, engadindo como novidade as memorias-proxectos de dixitalización. O investimento máximo subvencionable será de 18.750 € e a axuda máxima, de 15.000 €.
Na liña de modernización, cóbrense obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda, incluída a adquisición de mobiliario auxiliar; custos de servizos profesionais para a redacción de proxectos de interiorismo e decoración, así como accións para mellorar a eficiencia enerxética. Tamén abrangue a adquisición de maquinaria, ferramentas ou equipamento auxiliar relacionado coa actividade comercial e artesanal, incorporando como novidade os aparellos eléctricos de aromatización e fío musical. Neste caso, o investimento máximo establécese nos 20.000 € e a axuda máxima, nos 16.000 €.
Por último, na liña destinada á sostibilidade ambiental, considéranse subvencionables as actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño á dimensión dos produtos, con investimentos en caixas de cartón ou bolsas de papel 100 % reciclado, recheos para embalaxe, bolsas de tea de algodón, liño ou cáñamos 100 % e, como novidade, en bovinas de papel 100 % reciclado. Nesta liña, o investimento máximo subvencionable será de 2.500 € e a axuda máxima, de 2.000 €.
Cómpre engadir que no 2025 beneficiáronse deste tipo de axudas un total de 728 negocios (664 comerciantes retallistas e 64 obradoiros artesáns) por un importe global de case 3,9 M€. Entre eles están Turini Sport e Amodo Tenda, que obtiveron apoio nas liñas de dixitalización (para aspectos como software de xestión da actividade) e modernización (para obras de acondicionamento e reforma no caso de primeira e de melloras de equipamentos no caso da segunda, entre outros).
