Nova convocatoria do programa Galicia Avanza
martes, 25 de febreiro do 2025
O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza vén de abrir o prazo da súa cuarta convocatoria, na que poderán participar ata 30 pequenas e medianas empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As solicitudes poderán presentarse en liña até o 25 de marzo.
O obxectivo deste programa, xestionado e coordinado por Tecnópole, é que solucións innovadoras galegas, de calquera ámbito ou sector, dispoñibles ou moi próximas ao mercado, acaden ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo posible. Aspírase así a que as empresas beneficiarias consigan reforzar a súa consolidación internacional, ademais de abrirse a novos mercados. Traballarase na protección das súas marcas e deseños industriais ou intelectuais, na detección de posibles colaboracións con outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, así como na atracción de financiamento externo, entre outros aspectos.</p
Criterios de selección
Á hora de seleccionar ás pemes, valorarase o potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no eido internacional. Tamén se primará a porcentaxe de mulleres nos seus cadros de persoal e o nivel de implicación das empresas beneficiarias na metodoloxía do programa.
No caso de ter sido beneficiaria nalgunha das convocatorias de Galicia Avanza, só se admitirán propostas de internacionalización de produtos e servizos diferentes aos presentados anteriormente ou ben os mesmos pero dirixidos a mercados internacionais que difiran significativamente nas súas formas de entrada e comercialización.