Nova convocatoria para obter a certificación ComDix

mércores, 7 de maio do 2025 Redacción

A AMTEGA vén de convocar as probas de carácter libre para obter a certificación galega en competencias dixitais (ComDix) nos niveis Iniciación e Intermedio cun total de máis de 1.700 prazas. As inscricións poden realizarse desde hoxe e ata o vindeiro 13 de maio a través da Rede CeMIT.
É a primeira edición da Certificación ComDIx na que se ofrece a certificación galega en competencias dixitais no nivel intermedio. Ata o momento só estaba dispoñible o nivel iniciación.
Estas probas de certificación abarcan as 5 áreas e as 21 competencias definidas no Marco Galego de competencias dixitais e para obter o ComDix en calquera dos seus niveis é preciso superar un cuestionario de 60-70 preguntas tipo test, que inclúe a avaliación das 21 competencias que establece o Marco Galego ComDix.
Estas convocatorias están abertas a toda a cidadanía e teñen como finalidade acreditar os coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para utilizar as tecnoloxías dixitais, tanto de forma persoal como social ou profesional. O exames realizaranse os dias 18, 19 e 29 de xuño.
Os lugares, datas e horarios poden consultarse na páxina web da rede CeMIT, na que figura o calendario das probas presenciais en 50 concellos de Galicia.
Tras a finalización do prazo de inscrición, no caso de que existan mais persoas solicitantes que prazas convocadas, realizarse un sorteo para establecer a orde de prelación para adxudicar as mesmas.