Nova edición do certame Lingua de Namorar

luns, 15 de xaneiro do 2018 Redacción

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta convocan unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, unha iniciativa que premiará por sexto ano a creatividade en lingua galega da xente nova. Nesta ocasión, e coincidindo coa estadía do Pergamiño Vindel en Galicia, os premios entregaranse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o 14 de febreiro, día dos namorados, tal e como deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa os titulares dos dous departamentos promotores desta iniciativa, na que participan cada ano máis de medio milleiro de mozos e mozas, Valentín García e Cecilia Vázquez, respectivamente.
Valentín García asegurou que «o galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación», ao que Cecilia Vázquez engadiu que «o evento está a cumprir un dos seus obxectivos fundamentais, que non é outro que fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar».

Participación aberta até o 29 de xaneiro

A participación na nova edición de Lingua de namorar está aberta desde hoxe ata o vindeiro 29 de xaneiro a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías de idade: dos 14 aos 19 e dos 20 aos 35.
Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse no espazo web do concurso e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 29 de xaneiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro.

Resolución do xurado e premios

O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e mais a listaxe cos nomes das persoas gañadoras publicaranse na páxina web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega o día 7 de febreiro. Ademais dos premios que se sinalan a continuación, nos seis casos incluirase cadansúa reprodución facsímile do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo.
Así, establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cun Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10 km/h); a do segundo unha cámara Fuji instantánea mini 9 (fotos 62 x 46 mm.) e a do terceiro un auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía).
Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio recibirá un Smart TV Panasonic de 32 polgadas; o segundo un smartphone Wiko con pantalla de 5 polgadas; e o terceiro unha cámara deportiva.

PUBLICIDADE