Nova edición dos premios de innovación para os centros galegos de FP

luns, 5 de febreiro do 2024 Redacción

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vén de publicar a convocatoria dos premios a proxectos de innovación na Formación Profesional (FP), dirixidos aos proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica desenvolvidos por centros que imparten estas ensinanzas.
O obxectivo da convocatoria, que conta cun orzamento de 1 millón de euros, é potenciar as iniciativas innovadoras no ámbito da Formación Profesional, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros educativos, empresas e outras entidades, procurando a calidade e a excelencia na FP, e o fomento do emprendemento, en liña coa Estratexia Galega de FP 2030 e co Plan Innova FP Galicia.
Establécense dúas modalidades. A primeira refírese á innovación tecnolóxica ou científica, na que as iniciativas deben estar centradas en impulsar a transferencia tecnolóxica entre centros educativos e a contorna produtiva, procurando ter un impacto significativo na futura inserción laboral do alumnado.
A segunda modalidade relacionase co ámbito didáctico e nela inclúense proxectos destinados a creación de materiais ou recursos didácticos innovadores para áreas profesionais específicas. Centrados na introdución de novos contidos, tecnoloxías avanzadas e equipamentos nas aulas, promovendo ambientes virtuais de aprendizaxe.
A avaliación dos proxectos terá en conta aspectos como a súa orixinalidade, viabilidade, colaboración con institucións educativas ou empresariais, participación activa do alumnado, as oportunidades potenciais de emprego xeradas e a planificación do proxecto. Terá especial relevancia a importancia e impacto nos sectores correspondentes, a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe e a capacidade de transferir os resultados obtidos para outros centros de FP.
Ademais, valoraranse especialmente aqueles proxectos que sexan susceptibles de ser continuados dende Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros, para dar lugar a proxectos de emprendemento industrial.