Nova liña de axudas para dotar ás pemes de banda larga

luns, 29 de xullo do 2024 Redacción

O director da AMTEGA, Julián Cerviño, mantivo a semana pasada un encontro cos integrantes da Comisión de Dixitalización, Innovación e Economía Verde da Confederación de Empresarios de Galicia na que informou sobre a nova convocatoria de axudas para a dotación de banda larga a pequenas e medianas empresas en polígonos industriais e áreas loxísticas.
Estas axudas, que foron publicadas o pasado mércores no Diario Oficial de Galicia, forman parte das actuacións do programa ÚNICO. Esta liña de axudas a empresas conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros e pode chegar até os 60.000 euros por empresa.
No encontro, que tivo lugar na Confederación de Empresarios de Galicia, o director da AMTEGA informou tamén sobre os contidos do anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, que será debatida este ano polo Parlamento de Galicia. Cerviño trasladou aos empresarios que o texto legal prevé o establecemento de axudas e incentivos fiscais para proxectos empresariais que incorporen a intelixencia artificial. Tamén trasladou que a lei incide en aspectos como a formación ou a creación, retención e atracción de talento nesta materia.