Nova liña de axudas para startups con 1,5 millóns de euros
martes, 7 de xaneiro do 2025
A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), convocará a mediados deste mes de xaneiro a liña de axudas específica para novas empresas innovadoras (startups) que, por segundo ano, volverá contar cun orzamento de 1,5 millóns de euros.
En palabras do IGAPE, trátase “dunha liña de apoios que se puxo en marcha por primeira vez o pasado ano para impulsar iniciativas empresariais emerxentes de carácter innovador e tecnolóxico”. As axudas, por concorrencia non competitiva, oscilan entre os 10.000 e os 20.000 euros e cobren o cen por cento dos gastos ou investimentos necesarios durante a fase de lanzamento ou consolidación do proxecto.
En Galicia hai actualmente 311 startups, que xeran 2.662 empregos e suman unha facturación conxunta de máis de 241,2 millóns de euros. Concéntranse, na súa maioría, nas cidades de Vigo (54), A Coruña (49), Santiago de Compostela (38), Lugo (23), Nigrán (22), Pontevedra (19) e Oleiros (A Coruña) (12). Por sectores, a maior parte delas pertencen aos ámbitos biotecnolóxico, agroalimentario, ao da saúde, a analítica software, o turismo, o comercio en liña ou enerxía, entre outros.
A Xunta lembra que coa liña de axudas que se vai convocar en datas vindeiras, as startups galegas teñen á súa disposición a rede de aceleradoras da Xunta que coordina o IGAPE. Dela forman parte a BFAuto, especializada no sector da automoción; a BFAero, no aeroespacial; a BFFood, no sector da alimentación; Climatech, no eido ambiental; VíaGalicia, que abrangue o ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), o sector agroalimentario ou o téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca (Vigo e Lugo); e outras iniciativas como a BFMedicines, Agrobiotech, Bioincubatech, Galicia Avanza ou Turislab.
Este ano, esta rede vai contar cun investimento de 7 millóns de euros e vaise ampliar coa posta en marcha tres novas aceleradoras no eido da saúde e o benestar, a industria do deporte e as enerxías renovábeis.