Nova sentenza xudicial relativa ao polémico WebTV de Blusens

mércores, 16 de abril do 2025 Redacción

En 2018 soubemos da retirada do mercado do WebTV da galega Blusens, para que uns anos despois a Fiscalía pedise un ano de cadea para o fundador da compañía por un delito contra a propiedade industrial e por organización criminal ao facilitar o acceso a contidos audiovisuais de xeito ilegal a través da comercialización dos mencionados receptores da marca.
Semellaba que a causa, iniciada en 2017 tras unha denuncia de EGEDA (á que se sumaron Telefónica España, Group Mediapro, LaLiga, Multicanal Iberia e Adivan), tiña rematado o seu percorrido, pero agora a Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais informa de que Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela ditou o pasado 9 de abril unha sentenza pola que se condena a seis meses de prisión, unha multa de seis meses cunha cota diaria de seis euros, o comiso dos obxectos intervidos e a inhabilitación especial durante un ano para o exercicio de actividades comerciais relacionadas cos dispositivos WebTv que vulneraban os dereitos de propiedade intelectual distribuídos pola compañía Blusens.
A sentenza tamén impón unha indemnización dun millón douscentos mil euros e o pago das costas do proceso a catro empresarios vinculados con esta compañía, por un delito agravado contra a propiedade intelectual. A resolución xudicial tamén inclúe unha quinta persoa que empregaba a rede social Telegram para fomentar un foro no que se publicitaba e promovía o uso destes dispositivos manipulados. Trátase dunha das maiores indemnizacións concedidas en España por unha operación deste tipo.