Nova solución Wi-Fi mesh de Netgear

mércores, 30 de xullo do 2025 Redacción

Netgear presentou unha nova familia de dispositivos Wi-Fi 7 en malla que persegue principalmente ter un prezo asumible, a serie Orbi 370, que permite velocidades de ata 5 Gbps, ofrece cobertura para toda a vivenda e integra funcións avanzadas de seguridade e privacidade, consolidando a aposta da compañía por unha conectividade doméstica preparada para o futuro.
A serie Orbi 370 está orientada a fogares con necesidades moderadas, mais que requiren rendemento constante. Co uso da tecnoloxía Wi-Fi 7 e da operación multibanda (MLO), que combina as bandas de 2,4 GHz e 5 GHz, mellórase a velocidade e redúcese a latencia. Os portos Ethernet de 2,5 Gbps presentes tanto no router como nos satélites permiten conexións por cable de alto rendemento para consolas, ordenadores ou televisores.
O deseño discreto e elegante da serie encaixa facilmente en calquera fogar. Ademais, o sistema é ampliable, polo que se poden engadir satélites adicionais de forma sinxela para estender a cobertura segundo evolucionen as necesidades.
No apartado da seguridade, Netgear ofrece protección avanzada sen custo engadido: actualizacións automáticas de firmware, soporte para VPN, cifrado WPA3, control de acceso e rede Wi-Fi para convidados. Tamén se inclúe unha proba gratuíta de 30 días de Netgear Armor (con tecnoloxía de Bitdefender), que protexe todos os dispositivos da rede doméstica, incluíndo cámaras, monitores ou aparellos conectados.
A aplicación Smart Parental Controls tamén permite activar opcións de control paterno básicas sen custo, coa posibilidade de contratar unha versión máis completa despois da proba.
Polo momento non se coñecen os prezos europeos destes dispositivos, pero adiantan que o lote de router e satélite custará nos EE.UU. 249,99 dólares, mentres que o router con 2 satélites venderase a 349,99 dólares, podendo adquirirse un satélite solto por 149,99 dólares. Estes prezos son claramente inferiores á solución inmediatamente superior da compañía, a serie Orbi 770, que custa practicamente o dobre (en España podemos adquirir o router con 2 satélites a 699,99 euros).

Vídeo de presentación da serie Orbi 370