Nova torre de telecomunicacións para mellorar a cobertura móbil no rural de Lugo

luns, 28 de xullo do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia vén de instalar unha nova torre de telecomunicacións en San Pedro de Mera coa que se busca mellorar a cobertura móbil na zona rural da provincia de Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, visitou hoxe a infraestrutura e explicou que a AMTEGA destina preto de 700.000 euros ás tres torres que se despregaron no municipio nos últimos meses.
Segundo explicou Arias, con esta nova infraestrutura complétase a actuación iniciada este ano coa instalación das torres en Santa María Alta e Gondar. En conxunto, permitirán reforzar a cobertura móbil en 15 núcleos de poboación: Alta, Gondar, Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba, Cabanas, Locai, Marcoi, Riobó, Miñao, Vilariño e Torible.
O delegado lembrou que estas actuacións son desenvolvidas por Retegal no marco dun plan promovido en colaboración coa Fegamp, que beneficia a 290 entidades de poboación repartidas por 65 concellos galegos. A empresa pública da Xunta encárgase de achegar a infraestrutura, mentres que o servizo se adxudicou a un operador privado a través dun procedemento de subvención.
Arias subliñou que a Xunta «impulsou este proceso para garantir unha cobertura móbil áxil e eficiente en áreas con escasa densidade de poboación, para facilitar a actividade económica e o asentamento de persoas mozas no entorno rural».
A construción destas torres enmárcase nunha actuación complementaria aos compromisos do Estado, administración que ten as competencias en materia de telecomunicacións.