Novas axudas para a dixitalización das PEME galegas

luns, 21 de xaneiro do 2019 Redacción

A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de publicar no DOG a concesión de axudas por 2,8 millóns de euros para apoiar a dixitalización de 115 PEME galegas, que mobilizarán investimentos por valor de ao redor de 7 millóns de euros.
Os proxectos apoiados nesta convocatoria do programa de apoios á dixitalización inclúen, entre outros, a posta en marcha dun software específico para franquías do sector da construción, a xestión integral de subcontratas en empresas de mecanizado industrial, ou a mellora da loxística no sector farmacéutico. Esta iniciativa está destinada a facilitar a modernización e mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas a través da interconexión dixital entre empresas vinculadas pola súa actividade.
En total, a liña de apoios á dixitalización, desenvolta ao abeiro da Axenda Industria 4.0, apoiou nas convocatorias publicadas en 2018 un total de 170 empresas con axudas de 3,8 millóns de euros, que mobilizaron investimentos por valor de 9,3 millóns de euros.
Este ano, a través do IGAPE, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, destinará 5 millóns de euros a impulsar iniciativas que xeran proxectos colectivos de dixitalización nas PEME da Comunidade e a apoiar así investimentos nestes ámbitos. Mediante os cursos e axudas ao desenvolvemento dixital, que contan con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), prevese mobilizar máis de 13 millóns de euros.
Así, ata o vindeiro 15 de marzo permanecerán abertas as dúas primeiras convocatorias de 2019 dos programas de desenvolvemento dixital. O instrumento de apoio é dobre: por unha parte, o tecido asociativo galego poderá organizar cursos para a xeración de proxectos de dixitalización realizados colectivamente, que serán financiados ao 100%. Por outra, concederanse axudas a empresas para investimentos no eido dixital, que poderán cubrir ata o 30%, no caso das pequenas compañías, e ata o 20% para as medianas.
No desenvolvemento de solucións ou sistemas de dixitalización terán prioridade proxectos colectivos, é dicir, os que impliquen a un grupo de empresas que colaboren na implantación de sistemas de dixitalización para interactuar entre elas e que, de maneira opcional, poden estar coordinadas por un organismo intermedio. Tamén poden acollerse proxectos individuais de PEME para avanzar na súa propia transformación dixital.
Deste xeito, a Xunta avanza no desenvolvemento da Axenda Industria 4.0, que impulsa a implantación da industria conectada, a fábrica intelixente, e que reforza o labor que se está a realizar a través dos programas ReAcciona e dos proxectos Industria 4.0, como instrumentos especialmente valorados polas empresas para acelerar a dixitalización do tecido produtivo galego.

PUBLICIDADE