Novas cámaras de Canon orientadas ao vídeo

mércores, 26 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Nos últimos anos Sony conseguiu dominar o mercado fotográfico grazas ao pulo das cámaras sen espello, deixando a compañías como Canon e Nikon fóra de xogo, pero Canon está a esforzarse para ser un digno competidor, e está a lanzar novas cámaras orientadas a un dos segmentos máis competidos: o da creación de contidos.
Por unha banda está a nova Canon PowerShot V1, unha cámara compacta, con obxectivo integrado e sensor de grande tamaño, que busca garantir a gravación de vídeo de calidade en calquera lugar, o que resulta ideal para influentes e outros creadores de contido para a Internet.
Falamos dunha cámara con sensor CMOS de 1,4 polgadas capaz de disparar fotografías a 22 Mpíxeles e gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo (ou Full HD a 120 imaxes por segundo) con soporte de Canon Log 3. O seu obxectivo fixo ten unha focal de 16-50 mm a f/2.8, integra estabilización óptica de imaxe e filtro ND, conta cunha pantalla abatible de 3 polgadas e só pesa 426 gramos. É posible engadirlle unha empuñadura-trípode e un micrófono externo (na propia zapata), polo que estamos ante un dos produtos máis versátiles, que en breve chegará ás tendas a un prezo recomendado de 1.049,99 euros.
Por outra banda temos a nova Canon EOS R50 V, que estaría orientada a creadores de contido ambiciosos, que esixan prestacións de vídeo avanzadas e queiran poder mudar de obxectivo.
Falamos dunha cámara con sensor APS-C (con 24,2 Mpíxeles de resolución) que funciona con obxectivos RF, pode gravar vídeo 4K a 60 imaxes por segundo, permite sobremostraxe 6K, é compatible con Canon Log 3 e sen obxectivo pesa só 370 gramos. Está previsto que chegue ás tendas a un prezo de 799,99 euros (ou 1.049,99 euros cun obxectivo 14-30 milímetros incluído).
Con estas propostas Canon compite con varias cámaras moi populares de Sony, permitindo así que os partidarios da súa marca poidan manterse fieis, á vez que tamén axitan un mercado que non parece perder dinamismo tras a revolución que supuxo deixar atrás as cámaras réflex.

A Canon EOS R50 V vai dirixida a creadores que queiran producir vídeo con calidade cun equipo compacto e versátil