Novas cámaras para videoconferencia de Logitech

venres, 23 de xaneiro do 2026 Redacción

Logitech presentou as súas novas Rally AI Camera e Rally AI Camera Pro, dúas cámaras para videoconferencia pensadas para espazos amplos que incorporan capacidades avanzadas de intelixencia artificial nun deseño discreto, concibido para integrarse case de maneira invisible en salas de reunións, auditorios ou aulas. A versión Pro sería a cámara máis intelixente que desenvolveu ata o de agora Logitech, mentres que o modelo estándar aposta por unha estética especialmente coidada para fundirse coa arquitectura do espazo.
Co lanzamento das cámaras Rally AI, Logitech combina a calidade óptica da coñecida Rally Camera cunha nova xeración de intelixencia de vídeo, ata o de agora reservada a dispositivos de maior tamaño. O resultado son solucións compactas, pensadas para salas máis complexas e de maior capacidade, que buscan mellorar a experiencia das reunións híbridas sen sobrecargar visualmente o entorno.
Un dos elementos máis destacados é a posibilidade de instalación incrustada na parede, unha opción inédita ata o momento no catálogo da marca, que permite manter a cámara fóra da vista. As cámaras Rally AI tamén poden colocarse no teito, sobre a pantalla ou directamente na parede, sempre cun obturador automático que indica de xeito claro cando a cámara está desactivada, reforzando así a privacidade.
Ambos modelos incorporan a tecnoloxía RightSight 2, baseada en intelixencia artificial, que adapta o encadre en tempo real. Inspirada en técnicas cinematográficas, a cámara pode cambiar automaticamente entre planos do grupo completo, do orador individual ou unha disposición en grade dos participantes, co obxectivo de evitar experiencias desiguais nas reunións híbridas.
As cámaras Rally AI tamén permiten traballar con múltiples unidades de maneira coordinada, o que facilita funcións como Zoom Intelligent Director ou a vista multicámara de Microsoft Teams. Isto fai posible cubrir grandes salas de consellos, aulas ou plenos municipais desde diferentes ángulos, cun resultado visual máis próximo ao dunha produción audiovisual que ao dunha reunión corporativa convencional.
Os dous dispositivos contan cunha lente deseñada especificamente para este uso, cun sensor de imaxe dunha polgada e un campo de visión de 115 graos, capaz de captar detalles incluso en condicións de pouca luz. A versión Pro engade unha segunda cámara óptica cun zoom híbrido de ata 15 aumentos, pensada para seguir a presentacións ou destacar detalles clave en espazos de gran tamaño.
Máis alá da calidade de imaxe, Logitech pon o foco na xestión dos espazos. As cámaras poden detectar cando e como se utilizan as salas, así como o número de persoas presentes, e enviar eses datos a Logitech Sync. Esta información permite ás organizacións optimizar o uso do espazo, reducir custos inmobiliarios e automatizar a reserva e liberación de salas, evitando reunións fantasma e zonas infrautilizadas.
Para os responsables de sistemas, a instalación tamén se simplifica. As cámaras Rally AI poden configurarse mediante USB ou cun único cable de categoría, empregando de maneira opcional un kit de extensión. Ademais, intégranse con sistemas de audio como Rally Plus ou con solucións profesionais, e poden conectarse por Wi-Fi ou Ethernet para facilitar a xestión remota, as actualizacións e a resolución de incidencias desde Logitech Sync.
A Rally AI Camera Pro terá un custo de 2.999 dólares nos EE.UU., mentres que a Rally AI Camera situarase nos 2.499 dólares, estando previsto os seus lanzamentos para primavera e verán respectivamente.