Novas tabletas de alta gama de Samsung
xoves, 26 de setembro do 2024
Os usuarios que demandan potentes tabletas con Android teñen un par de novas opcións no mercado, a Samsung Galaxy Tab S10 Ultra e a Samsung Galaxy Tab S10+, que presumen de ser as primeiras do sector deseñadas coa intelixencia artificial integrada. Estas tabletas chegan con pantallas Dynamic AMOLED 2X de 14,6 e 12,4 polgadas (con tecnoloxía anti-reflexos), ideais para o uso do S Pen que inclúen, e supoñen un importante incremente de potencia fronte aos modelos do ano pasado (por exemplo, o modelo Ultra mellor un 18% a CPU, un 28% a GPU e un 14% a NPU).
Estas tabletas conta cun sistema de catro altofalantes que poden incluso ofrecer un son máis nítido grazas a un optimizador de diálogos mediante IA. Tamén presumen de grande resistencia con certificación IP68 e protección Armor Aluminum.
Entre as funcións que permiten as novas tabletas temos o asistente de notas, que permite tomar apuntes e anotacións e xeito máis eficiente grazas ás transcricións e os resumos automáticos elaborados mediante IA; poden traducir documentos PDF mediante superposición en pantalla; contan coa función de esbozo a imaxe (que permite engadir elementos realistas a imaxes cun simple debuxo esquemático), axiliza as buscas coa mecánica Circle to Search; e tamén conta con atallos para empregar as funcións do asistente de Galaxy AI.
As novas tabletas chegan ao mercado a partir do 3 de outubro, partindo a Galaxy Tab S10 Plus de 1.119 euros e a Galaxy Tab S10 Ultra parte dos 1.339 euros, falando en ambos casos de modelos con 256 GB de almacenamento interno e conectividade Wi-Fi, existindo tamén versións con maior capacidade e conectividade 5G. Cómpre salientar que as tabletas Galaxy Tab S10+ integra conectividade Wi-Fi 6E, mentres que as Galaxy Tab S10 Ultra contan xa con Wi-Fi 7.