Nove proxectos galegos formarán parte da 5ª edición da Business Factory Aero
venres, 3 de novembro do 2023
O
CIFP
As Mercedes de Lugo servía este 3 de novembro de punto de acollida
para os doce novos proxectos empresariais que formarán parte da 5ª
edición da Business Factory Aero (BFAero), o programa de
incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado
no segmento dos vehículos non tripulados do Polo Aeroespacial de
Galicia. Ao acto asistía a directora da Axencia Galega de Innovación
(GAIN), Patricia Argerey, acompañada do delegado territorial da
Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias.
Dicir
que os proxectos elixidos resultaron da escolla de 144 propostas de
26 países e que consolidou o programa como un reclamo para
emprendedores de todo o mundo. A BFAero tense convertido nunha panca
fundamental para o impulso da industria aeroespacial galega,
contribuíndo a xerar e atraer talento e innovación na nosa
Comunidade.
Así,
das 12 novas propostas empresariais que hoxe se integran na BFAero,
un total de nove corresponden a startups e spin-offs de
orixe galega; e as outras tres son de Madrid (dúas) e Valencia. Un
total de tres proxectos acceden ao itinerario de incubación, seis ao
de aceleración; e outros tres ao de consolidación.
Os
12 proxectos seleccionados empregan a 66 persoas e contemplan a
fabricación dunha aeronave ultralixeira e cun alto estándar de
calidade, un innovador programa de formación dirixido a persoas que
queiran incorporarse profesionalmente á industria dos drons ou unha
solución que integra tecnoloxía de vehículos non tripulados e
Intelixencia Artificial para mellorar a información de análise
sobre os adestramentos e os partidos aos equipos de fútbol mediante
a integración de solucións avanzadas de imaxes e de datos
capturados con vehículos non tripulados.
No
evento celebrado hoxe tamén se entregaron os diplomas acreditativos
ás startups que participaron nos itinerarios de incubación
(Aguia, Kreios e Ahyres) e de aceleración (Enercraft, Generadron,
Beagle Technology, Dronfies Labs e Anduriña25) da cuarta edición do
programa.
Asemade
salientáronse fitos relevantes da cuarta edición como o acordo de
transferencia de tecnoloxía coa Universidade de Stuttgart de Kreios
Space; o primeiro contrato coa Axencia Galega de Infraestruturas de
Aguia; a sinatura dun contrato coa empresa Net2Fly por parte de
Cielum; o acordo de FuVex con Naturgy para a inspección e mantemento
de máis de 100.000 quilómetros de tendido eléctrico con drons; ou
a obtención de apoio do programa NEOTEC de axuda pública a
proxectos innovadores do CDTI por parte de Kreios Space e Ahyres.
Indo
aos elixidos, Arzeos Aircraft (Silleda), está promovida pola startup
co mesmo nome, a proposta está centrada no deseño e fabricación
dunha aeronave ultralixeira que incorporará novos mecanismos de
seguridade pasiva e innovacións en materia de aerodinámica e
ergonomía, que suporán unha mellora na operación de voo e na
seguridade dos ocupantes; así como o desenvolvemento dun proceso de
fabricación que permitirá a redución de custos. Trátase dunha
avioneta que se deseñará e construirá integramente en Silleda e
que ten prevista a súa presentación en Alemaña nos vindeiros
meses.
Outro
proxecto é Banco de probas virtual para o estudo da aerodinámica de
UAVs con aplicación no transporte de cargas e condicións de voo
(Santiago de Compostela). Promovido por Ventilatio Lab, spin off
da Universidade de Santiago de Compostela, este proxecto propón a
definición dun entorno de simulación co obxectivo de analizar a
aerodinámica e condicións de voo de UAVs para valorar se poden ou
non transportar cargas e como optimizar a súa colocación.
O
proxecto Drone Net (Alpedrete, Madrid) está promovido por Soluciones
de Ingeniería de Iberia e está enfocado en achegar a fabricantes e
provedores de servizos UAS unha solución para pilotar, xestionar e
monitorizar toda a frota mediante comunicacións móbiles e
satelitais. Isto permite operar de maneira segura en condicións de
BVLOS (máis aló da liña de vista), amais de ofrecer grandes
vantaxes en custos ou operar toda unha flota dende unha soa central
de control por un único piloto.
O
proxecto ACRE (Nigrán, Pontevedra), ACRE (Área de Control
Restrinxida de Emerxencias) da empresa VIG-SEC-DRONE, é un software
de xestión do espazo aéreo de emerxencias que permite o uso
simultáneo de aeronaves tripuladas e non tripuladas. Valorado pola
súa singularidade para o ecosistema aeronáutico galego, este
proxecto só recibe titorización e mentorización.
Plataforma
para o desenvolvemento de sistemas de propulsión autónomos en
órbitas VLEO (Lugo), este proxecto da startup Kreios Space
está centrado no desenvolvemento dun novo sistema de propulsión
eléctrica para satélites que operan en órbitas baixas. A
tecnoloxía de Kreios Space permite que os satélites se manteñan
indefinidamente en órbitas comerciais de interese, incluíndo
altitudes de 100-450 km (VLEO), sen necesidade de combustíbel,
grazas á súa capacidade para superar a forza aerodinámica da
atmosfera. A redución dos custos das misións espaciais ou a
optimización das cargas útiles son algúns dos beneficios da
adopción desta tecnoloxía.
Lanzamento
ao mercado das solucións tecnolóxicas de ITG Drone para operadores
UAVs: ITG DroneSafeBox e DroneSuite (A Coruña). O proxecto desta
spin-off do Instituto Tecnolóxico de Galicia, ITG Drone
Solutions, está centrado en mellorar a competitividade das empresas
do sector dos vehículos non tripulados a través de dúas solucións:
DroneSafeBox, unha solución única drone-in-a-box para
despregar, recuperar e recargar os drons, optimizando as operacións
e reducindo custos e tempos de resposta; e DroneSuite, unha
plataforma cloud para a xestión das operacións de frotas de
drons, que ofrece unha forte integración con ferramentas de voo e
procesamento de datos, automatizando procesos e sincronizando e
almacenando información de forma segura.
Smart
Pavement Analytics (Oleiros, A Coruña). O proxecto, promovido por
Aguia Analítica Avanzada propón unha solución de análise de datos
que emprega algoritmos de Intelixencia Artificial sobre imaxes
tomadas desde drons para coñecer o estado das infraestruturas e
mellorar a súa xestión.
TheDroneMBA
(As Pontes, A Coruña). Impulsado por The Drone Programs, propón a
creación dun programa de formación disruptivo dirixido a aquelas
persoas que queiran incorporarse profesionalmente á industria dos
drons, achegando os coñecementos sobre o manexo de vehículos non
tripulados demandados nas diferentes industrias.
Embarcación
eléctrica non tripulada de rescate (Valencia). Este proxecto da
empresa valenciana Proteus Innovation está centrado na creación de
Náutic, un dron mariño dun metro de lonxitude, que pode ser
dirixido por radiocontrol ou pilotado por un socorrista, ideado para
realizar rescates na auga e que permite transportar ata 3 persoas.
Beagle
Technology (Narón, A Coruña). Este proxecto é unha solución de
hardware e software que permite ofrecer información situacional
mellorada en operacións de emerxencias.
Fly-Fut
(Madrid). Esta startup presenta unha solución que integra
tecnoloxía de drons e Intelixencia Artificial para achegar a mellor
información a analistas e adestradores de equipos de fútbol,
ofrecendo solucións avanzadas de imaxes e de datos, que substitúen
ás tomadas con cámaras fixas.
Anduriña25
(Serra de Outes, A Coruña). Impulsado por Soluciones Aeronáuticas
de Galicia, este proxecto está centrado no deseño e fabricación
dun dron híbrido cun concepto estrutural e aerodinámico innovador
que lle permite voar en condicións fiábeis, eficientes e seguras
sen poñer en risco a integridade da aeronave ou da carga que
transporta.