Novo Apple Pencil con carga por USB-C

martes, 17 de outubro do 2023 Marcus Fernández

Cando o ano pasado Apple renovou o iPad básico incorporándolle conexión USB-C confundiu enormemente aos consumidores non renovar simultaneamente o Apple Pencil de primeira xeración con conector Lightning, de xeito que a carga do lapis directamente coa tableta era algo incómodo por precisar dun adaptador.
Hoxe Apple estrea un novo Apple Pencil, e en vez de corrixir o erro anterior, complica aínda máis a situación, de xeito que agora temos un novo Apple Pencil básico, con conexión USB-C, pero con diferentes prestacións que o Apple Pencil de primeira xeración, xa que perde a sensibilidade á presión (algo que moitos profesionais consideran imprescindible) e gaña o acople magnético (ou sexa, que pode adherirse a un lateral da tableta para evitar perder o accesorio, aínda que sen contar con carga nesa posición, como si acontece no Apple Pencil de segunda xeración).
Temos así que o novo Apple Pencil sería o máis básico de todos, pero tamén o máis económico, xa que poderemos mercalo a primeiros de novembro a un prezo de 95 euros, mentres que o Apple Pencil de primeira xeración custa 119 euros e o de segunda xeración 149 euros.

O novo Apple Pencil pode cargarse por USB-C e conta con acople magnético

PUBLICIDADE