Novo Paper Mario para Nintendo Switch

venres, 17 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A partir de hoxe temos nas tendas o xogo Paper Mario: The Origami King, unha nova entrega desta fermosa serie de xogos de Mario que nesta ocasión chega a Switch cunha proposta estética diferente, xa que aparte da aparencia de libre infantil de adhesivos, agora temos tamén personaxes de papel que en vez de ser 2D son 3D grazas ao seu encartado mediante a técnica do origami, o que afecta tanto a nivel visual como xogable (por exemplo, Mario poderá usar transformacións de papel para ter un maior alcance cos seus brazos).
O malvado rei Olly transformou á princesa Peach en origami e pechou o seu castelo con serpentinas de papel, polo que Mario xunto coa súa nova compañeira Olivia terán que solucionar esta difícil situación percorrendo un amplo mundo no que recrutar a un equipo de compañeiros para rachar as sinistras serpentinas de papel e rescatar aos amigos de Mario antes de que se transformen en secuaces de origami.
Desta volta os combates serán bastante distintos a outras entregas de Paper Mario, de xeito que non contará só a estratexia, senón que tamén haberá que resolver quebracabezas para derrotar ao exército de origami de Olly e aos seus temibles xefes.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE