Novo Stream Deck enfocado ao audio

mércores, 4 de marzo do 2026 Redacción

Elgato amplía a súa familia de paneis de control con Stream Deck + XL, un dispositivo deseñado para centralizar o control de fluxos de traballo complexos en produción audiovisual, streaming e creación de contido. O novo modelo destaca por incorporar 36 teclas LCD personalizables, seis diales multifunción e unha ampla tira táctil que permite axustar parámetros en tempo real sen necesidade de abrir aplicacións adicionais.
A compañía, pertencente ao grupo Corsair, presenta este equipo como unha peza clave dentro do novo ecosistema de audio Wave, no que se integran solucións como Wave Link, Wave FX e o interface Wave XLR Pro. O Stream Deck + XL funciona como unha superficie de control táctil que permite manipular mesturas, activar efectos ou silenciar entradas cunha resposta visual inmediata.
O dispositivo permite, por exemplo, modificar niveis de audio, alternar entre distintas mesturas ou activar efectos de procesamento directamente desde os diais ou as teclas programables. A tira táctil situada sobre os encoders amosa información en tempo real sobre os parámetros controlados, como o volume dunha pista, o brillo dunha iluminación ou a posición nunha liña de tempo.
Esta combinación de controis físicos permite ofrecer capacidades propias dunha mesa de mesturas profesional, pero cunha curva de aprendizaxe máis reducida, menor tamaño e un custo significativamente inferior.
Cada unha das 36 teclas integra unha pequena pantalla LCD que indica a función asignada e se actualiza dinamicamente segundo o estado da acción correspondente. Isto permite lanzar aplicacións, executar atallos de teclado ou controlar ferramentas creativas con só premer un botón, mantendo visibles as funcións máis empregadas sen ter que navegar por múltiples páxinas.
Os seis diais rotatorios engaden un control máis preciso para tarefas que requiren axustes progresivos, como a corrección de cor nun editor de vídeo, o desprazamento por unha liña de tempo ou a regulación do volume. Cada encoder admite diferentes accións segundo o movemento (xiro á esquerda ou dereita) ou a pulsación, e pode combinar varias funcións mediante opcións avanzadas como Dial Stacks, Action Wheel ou Action Trigger.
O Stream Deck + XL utiliza a mesma aplicación de configuración e os mesmos perfís que o resto da gama Stream Deck, polo que os usuarios poden trasladar os seus fluxos de traballo actuais ao novo trebello. Admite páxinas, cartafoles e perfís independentes para organizar accións segundo a aplicación ou o proxecto en uso, con cambio automático de perfil ao abrir determinados programas.
Stream Deck + XL está xa dispoñible cun prezo de 349,99 euros, pesa preto de 1,08 quilogramos e require un ordenador con Windows 11 ou macOS 13 ou posterior conectado a través dun porto USB-C 3.0.

Vídeo de presentación do Stream Deck + XL