Novo altofalante sen fíos de Nokia

xoves, 3 de abril do 2014 Marcus Fernández

Nokia non só está a ampliar a súa familia de smartphones, senón que tamén incrementa os accesorios para os mesmos, seguindo a liña cromática que caracteriza á compañía finlandesa nos últimos anos, entre os que a última incorporación son o altofalante sen fíos Nokia MD-12, que presentan un deseño circular cun diámetro de 84 milímetros, un alto de 38 milímetros e un peso de 180 gramos, agochando no seu interior unha batería de 1.020 mAh que permítelle reproducir música ata 15 horas seguidas.
Este accesorio cárgase mediante micro USB e comunícase co móbil a través de Bluetooth 3.0 a unha distancia de ata 10 metros (aínda que tamén conta cunha entrada de mini-jack), facilitando o seu emparellamento mediante NFC (polo que cun toque xa podemos conectar o móbil ao altofalante). No caso de que recibamos unha chamada cando escoitemos música, o altofalante integra un micrófno para poder empregalo como sistema de mans libres.
Pese a ser un dispositivo de pequeno tamaño é capaz de encher de son unha habitación (proxecta ata 95 dB a medio metro de distancia), aínda que estea pensado principalmente para un uso en mobilidade. Sairá á venda en amarelo, verde, laranxa e branco por só 39 euros.

PUBLICIDADE