Novo chamamento en Ourense para rachar estereotipos de xénero en tecnoloxías e ciencia
martes, 4 de febreiro do 2020
Onte
celebrouse en Ourense, no CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel, unha
xornada de divulgación e de reivindicación das contribucións
femininas ao impulso na historia das tecnoloxías e da investigación.
A cita, a cabalo entre o institucional e o formativo, tamén tivo un
claro compoñente clarificador: tratouse de botar abaixo, novamente,
as falsas ideas preconcibidas que arraigaron na nosa sociedade
tentando convencer á mocidade de que a informática e a ciencia deberan ser
uns terreos fundamentalmente masculinos.
Participaron
na
xornada Mulleres referentes na ciencia en Galicia o
vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a catedrática en
farmacoloxía e premio María Josefa Wonenburger, Mabel Loza; e a
catedrática de inmunoloxía e directora do Centro de Investigacións
Biomédicas da Universidade de Vigo, África González, amais da
secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella.
Todas
elas coincidiron na necesidade de xuntar forzas para “rachar cos
estereotipos de xénero en todos os ámbitos e, nomeadamente,
naqueles relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, onde aínda
persiste a fenda de xénero”.
O
vicepresidente lembrou que a Xunta ten posto en marcha diversas
iniciativas para integrar a perspectiva de xénero na educación en
xeral, e de forma específica no ámbito da ciencia. Diste
compromiso, sinalou, abrollaron a Unidade de Muller e Ciencia ou os
Premios María Josefa Wonenburger destinados a recoñecer a
traxectoria de mulleres destacadas no eido científico.
Na
xornada tamén interveu, como dixemos, Mabel Loza, quen tamén
tivo cousas importantes que dicir sobre o papel que debe xogar a
muller nos devanditos ámbitos: “A presenza masculina é moi global
na ciencia, non é só cousa dun país, e isto implica cousas cousas
como que investigar siga sendo máis doado para eles que para elas,
con todo hai que recoñecer importantes logros das mulleres, con
melloras espectaculares grazas a diversas iniciativas de igualdade”.
Porén, recoñeceu que “queda moito camiño por percorrer” e que
segue a haber machismo nas novas xeracións.