Novo equipo de MSI con formato de consola de videoxogos

venres, 27 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Cada vez son máis os equipos informáticos compactos que chegan ao mercado con potencia dabondo non só para permitir o goce dos últimos videoxogos, senón tamén para mover mundos de realidade virtual, e estes días está comezando a chegar ás tendas españolas por pouco máis de mil euros nas súas configuracións máis básicas o novo MSI Trident 3, ordenador integrado nunha carcasa de 4,72 litros de capacidade, que pode colocarse en horizontal ou vertical, e que podería confundirse cunha consola de videoxogos doméstica, xa que presenta un volume lixeiramente superior ao da PS4 orixinal (cun volume de 4,45 litros) e moi inferior ao da Xbox One orixinal (7,2 litros).
Este novo equipo funciona con procesadores Intel Core i5/i7 de sétima xeración, ten até 32 GB de memoria DDR4, almacenamento baseado nunha unidade SSD en formato M.2 e un disco duro de 2,5 polgadas, gráfica GeForce GTX 1060 con 3/6 GB de memoria (compatible con cascos de realidade virtual), 1 porto USB-C 3.1, 3 portos USB 3.1 de tamaño completo, 4 portos USB 2.0, 1 saída HDMI normal, 1 saída HDMI co VR Link (para facilitar a conexión e desconexión de cascos de realidade virtual), entrada HDMI, tomas de audio, Gigabit Ethernet, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.1 e cun sistema de ventilación (Silent Storm Cooling 2) que promete unha refrixeración eficiente e pouco ruidosa (emitiría 22 dB nun funcionamento normal e 31 dB a máxima potencia).
Este tipo de equipos son especialmente atractivos para xogadores esixentes que queiran gozar dun ordenador no seu salón ou que precisen dun equipo sobremesa transportable (aparte do seu tamaño compacto, que permite o seu transporte nunha mochila, o seu peso é de só 3,17 quilogramos). Tamén resulta moi axeitado como equipo para realizar demostracións de sistema de realidade virtual.

O MSI Trident 3, grazas á súa potente gráfica e ao uso de procesadores de última xeración é capaz de mover mundos de realidade virtual

PUBLICIDADE