Novo monitor 3D de HP, con lentes pasivas

luns, 31 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A oferta de pantallas que permitan gozar de vídeo estereoscópico continúa a mellorar, e agora é HP a compañía que se suma a esta tendencia co seu monitor LED 3D HP 2311gt de 23 polgadas, que cunha resolución Full HD, panel con tecnoloxía Film Patterned Retarder (FPR) para permitir o uso de lentes pasivas (inclúe 2 pares), un tempo de resposta de 5 milisegundos e un prezo de 299 euros convértese nunha opción moi atractiva para introducirse reprodución de contidos 3D no fogar. Amais, esta pantalla é compatible co software de CyberLink para poder gozar de películas en Blu-ray 3D, así como con centos de xogos, contando tamén cunha tecnoloxía que converte en tempo real os vídeos 2D en 3D, para suplir así a carencia de contidos adaptados a esta tecnoloxía.
As vantaxes das lentes pasivas son principalmente o seu prezo máis reducido e o seu peso máis lixeiro, mentres que o argumento dunha imaxe máis agradable para os ollos que reduza a fatiga visual non deixa de ser un argumento comercial para defender unha tecnoloxía á que nos estamos a afacer nas salas de cine.

PUBLICIDADE