Novo monitor de tinta electrónica de Boox

mércores, 30 de abril do 2025 Marcus Fernández

A compañía especializada en dispositivos con pantallas de papel electrónico, Boox, vén de lanzar unha versión renovada do seu monitor para ordenadores, que no seu novo modelo conta cunha versión que ofrece 16 niveis de gris e 4.096 cores, buscando atraer a consumidores que buscan reducir a fatiga visual ao apostar por unha pantalla sen retroiluminación, conseguindo unha experiencia semellante á da lectura dun libro en papel cando se traballa con textos, follas de cálculo, código...
O novo monitor Boox Mira Pro conta cunha pantalla de tinta electrónica con tecnoloxía Kaleido 3 de 25,3 polgadas cunha resolución de 3.200 x 1.800 píxeles, que permite axutar a temperatura e o brillo do seu sistema de iluminación e incluso conta con distintas opcións de refresco en función das tarefas que vaiamos realizar (os modos en concreto serían Texto, Normal, Velocidade e Lectura). Esta versatilidade permiten que o monitor poida empregarse como único monitor, aínda que o fabricante entende que é bastante probable que se empregue como monitor secundario para tarefas que o usuario considere que poidan fatigar máis a súa vista.
Este monitor é moi interesante, pero ten un problema moi difícil de salvar: o seu prezo. Está dispoñible dende os almacéns en Hong Kong (polo que estaría suxeito a aranceis) a un prezo de 1.899,99 dólares (1.680 euros), o que suporía un prezo final en Europa que superaría os dous mil euros, o que semella un investimento disparatado ante unha tecnoloxía cunhas vantaxes moi discutibles (xa que un monitor de alta gama ben configurado non tería por que provocar a temida fatiga visual).