Novo reprodutor multimedia de Apacer

mércores, 10 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Apacer Technology entrou na competencia dos reprodutores multimedia de alta definición (coma o WD TV Live HD ou o Asus O!Play) co seu dispositivo AL460, que por un prezo duns 80 euros permite a reprodución de vídeo ata a 1.920 x 1.080 píxeles en progresivo, para o que ten saída HDMI, de compoñentes e composto (estes dous últimos mediante un cable adaptador a partires de tomas con forma de jack), e colle os contidos a reproducir de dispositivos externos conectados en calquera dos seus 2 portos USB (soportando tanto particións FAT32 coma NTFS) ou dunha rede a través da súa conexión Fast Ethernet.
O Apacer AL460 é compatible con multitude de formatos que van dende o DivX ata o MKV a 1.080p, pasando por WMV, FLV, RMVB, Quicktime e moitos outros formatos e contedores, de xeito que practicamente reproduce calquera vídeo que poidamos atopar na Internet, soportando tamén subtítulos en SRT, SSA, SUB, SMI e SUB/IDX. Tamén é capaz de reproducir volcados completos de DVD tanto en cartafol coma nunha imaxe ISO.
Este tipo de trebellos está a gozar de certa popularidade nos últimos meses co popularización de televisores de alta definición no salón e a reducida oferta de contidos en HD por canles tradicionais.

PUBLICIDADE