Novo tablet de bq con Android 4.0 e pantalla de 9,7 polgadas

venres, 22 de xuño do 2012 Marcus Fernández

Dende bq continúan a colocar no mercado tablets co sistema operativo Android 4.0, cada vez máis atractivos e potentes, sendo o último en incorporarse ao seu catálogo o bq Tesla, que cunha pantalla IPS multitáctil de 9,7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 768 píxeles e unha capacidade de almacenamento interno de 16 Gb (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb) colócase como o mellor produto desta gama da compañía por un prezo de 219 euros, o que resulta bastante axustado para as súas prestacións.
Este novo tablet non só conta cun procesador Cortex A8 a 1 GHz, 1 Gb de RAM, conexións mini-USB 2.0 e saída HDMI para poder ver vídeo en alta definición no televisor, cámara frontal, Wi-Fi N e unha batería de 6.000 mAh, senón que tamén ten unhas dimensións (241 x 187 x 9,5 milímetros) e un peso (596 gramos) moi semellante ao iPad 2, á vez que presente unha aparencia externa diferente á meirande dos tablets con este formato que chegaron ás tendas nas últimas semanas (e que parecen todos clons que só se distinguen polo logotipo do seu vendedor).

PUBLICIDADE