Novo teclado ergonómico deseñado por Microsoft

xoves, 2 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Microsoft abandonou a súa liña de accesorios informáticos, deixándoa en mans de Incase, marca que aproveitando os deseños da compañía de Redmond vai comercializar un teclado ergonómico bastante interesante, que combina comodidade e unha experiencia de tecleo natural e de calidade, á vez que presenta novidades como unha tecla de Copilot.
O Incase Compact Ergonomic Keyboard terá un prezo de 118,95 euros e sorprende pola súa finura e contorno curvado para facilitar que os pulsos repousen comodamente mentres se teclea. Presenta teclas de tamaño completo cun percorrido de 1,3 milímetros (conseguindo unha boa sensación de tecleo) e pode conectarse por Bluetooth até con 3 dispositivos. Funciona cun par de baterías AAA que garanten unha autonomía de até 36 meses.
Estamos ante un produto como hai poucos no mercado, sendo o seu competidor máis directo o Logitech Ergo K860, que ten un prezo oficial de 119 euros, polo que basicamente estamos ante unha opción máis que agradecerán os que agradecen este tipo de accesorios que contribúen a unha mellor postura e menor fatiga fronte ao ordenador.

O deseño curvado do teclado favorece unha postura máis cómoda das mans, descansando os pulsos