Novo xogo de fútbol en rede para xogar de balde durante as vindeiras semanas

martes, 12 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Os usuarios que queiran botar unha pachanga ao fútbol a través do ordenador poden aproveitar no que resta de verán de que o xogo Goal Or No Goal! (GONG!) está en fase de probas para o seu lanzamento en setembro (cando pasaría a ser un produto de pago, chegando no mes de decembro ás tendas en formato físico).
O orixinal xogo de fútbol combina o deporte rei con personaxes estilo manga, xogo en rede, comunidade en liña (os usuarios poderán relacionarse entre si coma noutros xogos en liña), personalización dos carácteres e moita diversión.
Para poder gozar de GONG! só temos que rexistrarnos na web do xogo, descargalo, elixir o noso personaxe e, tras un adestramento, comezar a participar en partidos de 3 contra 3, á vez que tamén se pode explorar unha cidade virtual e completar misións.
O xogo resulta bastante orixinal e a súa estética é moi atractiva, polo que un achegamento ao mesmo durante o seu período de balde resulta obrigado, especialmente polos que gusten de xogos casuais e da interacción dos títulos en rede.


Trailer do xogo

PUBLICIDADE