Novos altofalantes portátiles de JBL

luns, 10 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Se non chegaba coa introdución da intelixencia artificial en case todos os ámbitos da informática e os smartphones, agora os altofalantes sen fíos de JBL presumen dunha tecnoloxía chamada AI Sound Boost, que analiza a música en tempo realmente para conseguir o mellor desempeño acústico coa menor distorsión, que estará dispoñible nos novos altofalantes JBL Flip 7 e JBL Charge 6.

A música a todas partes cos JBL Flip 7

Os altofalantes JBL Flip 7 teñen previsto chegar ao mercado estadounidense o vindeiro 6 de abril a un prezo de 149,95 dólares (prevese que cheguen a Europa pouco despois a un prezo semellante). Son uns altofalantes portátiles resistentes á auga, ao po e a caídas, teñen unhas dimensións bastante compactas (182,5 x 69,5 x 71,5 mm) para a grande potencia sonora que achegan, mentres manteñen un peso contido (560 gramos) para unha maior portabilidade e unha autonomía que pode chegar até as 16 horas. Teñen conectividade Bluetooth 5.4 con soporte de Auracast para poder emparellar até dous altofalantes Flip 7 para conseguir un efecto estéreo (ou para conectar máis altofalantes para cubrir un maior espazo coa mesma música) e incluso pode conectarse directamente por USB-C para reproducir audio sen perdas.

Vídeo promocional dos JBL Flip 7

JBL Charge 6: a batería conta

Para quen sexa un chisco máis esixente teremos os JBL Charge 6, cun prezo de 199,95 dólares e un formato máis grande (228,8 x 98,5 x 94 mm) e pesado (1,37 quilos), o que permite levar a súa autonomía até as 28 horas de reprodución musical e contar con 5 watts máis de potencia por woofer.
Estes altofalantes tamén teñen resistencia IP68, a conectividade Bluetooth 5.4 con soporte para Auracast, a posibilidade de reprodución son sen perdas a través de USB-C e, dada a súa grande autonomía, poden aproveitarse como batería externa para os nosos trebellos.

Vídeo promocional dos JBL Charge 6