Novos auriculares intrauditivos sen fíos de Sennheiser

luns, 8 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

No ámbito do son profesional o fabricante Sennheiser é un grande referente, de aí que moitos agradezan a chegada dos seus novos auriculares intrauditivos Bluetooth, os CX 6.00BT, que ofrecen unha grande calidade sonora en mobilidade, buscando tamén ser confortables e robustos.
Estes auriculares con Bluetooth 4.2 e Qualcomm apt-X buscan ter pouca latencia (para evitar que ao reproducir vídeo ou gozar de xogos non se corresponda o son coa imaxe) e incluso poder realizar chamadas de voz con calidade, para o que inclúe tecnoloxía de cancelación de ruído no seu micrófono integrado. O cable que conecta ambos auriculares inclúe botóns para o control e volume e de reprodución/chamadas, contando tamén con resposta oral para dar conta das chamadas entrantes e do estado da batería.
Os auriculares Sennheiser CS 6.00BT lévanse ao redor do pescozo para minimizar o peso do seu cable nos ouvidos e asegurar que se manteñan no seu sitio, para o que tamén inclúen adaptadores para 4 tamaños de ouvido. Só pesan 14 gramos, cárganse por USB conseguindo até 2 horas de autonomía en só 10 minutos e conseguindo unha carga completa en hora e media (o que permitirá o seu uso durante 6 horas).
Venderanse con funda de transporte a partires deste mesmo mes a un prezo de 99 euros, polo que poderían ser un grande competidor para os Beatsx, que custan 149,95 euros.

Os novos auriculares de Sennheiser son lixeiros e cómodos, podendo converterse nun digno competidor dos Beatsx

PUBLICIDADE