Novos auriculares sen fíos de Nothing con cancelación de ruído adaptativa
martes, 7 de xullo do 2026
Nothing ampliou a súa gama de auriculares sen fíos coa chegada dos Nothing Ear (3a), un modelo que aposta por un transdutor dinámico de 12 mm, cancelación activa de ruído adaptativa de ata 45 dB e certificación Hi-Res Wireless con compatibilidade co códec LDAC. Os auriculares teñen un prezo de 99 euros.
Cada auricular integra tres micrófonos MEMS (seis en total) que, xunto cun algoritmo ENC para a redución do ruído ambiental durante as chamadas, buscan mellorar a captación da voz. Tamén incorpora modo Transparencia.
A autonomía chega ata as 10 horas de reprodución por carga empregando o codec AAC coa cancelación de ruído desactivada, ou ata 42 horas combinando os auriculares co estoxo de carga. Co codec LDAC, a duración redúcese ata 6 horas sen ANC e 4,5 horas con ANC. A carga realízase mediante USB-C e require aproximadamente 70 minutos para completar a batería. A carga rápida permite obter ata unha hora de reprodución con só cinco minutos de carga dos auriculares ou ata dez horas de uso combinando auriculares e estoxo tras dez minutos conectados.
Os Nothing Ear (3a) empregan Bluetooth 6.0, ofrecen conexión dual para dous dispositivos simultaneamente e son compatibles con Android 8.0 ou superior e iOS 13 ou posterior. Admiten os codecs SBC, AAC e LDAC, ademais de Google Fast Pair e Microsoft Swift Pair para simplificar o emparellamento.
Entre as funcións adicionais destacan o modo de baixa latencia, a certificación IP54 de resistencia á auga e ao po tanto nos auriculares como no estoxo, e a posibilidade de iniciar a gravación de chamadas ou realizar capturas de audio mediante combinacións de xestos configurables.
