Novos auriculares true wireless de Sony

mércores, 29 de setembro do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro 1 de outubro van saír á venda por 99,90 euros os auriculares sen fíos Sony WF-C500, accesorio en formato true wireless de tamaño reducido que se adapta ben ao ouvido e promete son de alta calidade grazas á tecnoloxía DSEE que restaura os fundidos suaves e as altas frecuencias, podendo adaptarse o son ás nosas preferencias a través da aplicación Sony Headphones Connect.
O Sony WF-C500 chegan en catro cores bastante atractivas (branco, negro, laranxa e verde), cunha forma redondeada sen bordes (que buscan a comodidade) e cunha superficie ergonómica que favorece un axuste estable. Os auriculares poden transportarse nun estoxo de carga cilíndrico bastante cativo.
O seu control realízase mediante botóns intuitivos, que permiten reproducir, deter e saltar cancións, axustar o volume e tamén facilitan o acceso ao asistente de voz do smartphone e responder chamadas en mans libres de xeito sinxelo.
Con Fast Pair os Sony WF-C500 poden emparellarse de xeito rápido e doado co móbil, facilitando tamén a súa localización (comprobando a súa última localización ou facéndoos soar); con Swift Pair poden emparellarse tamén con Windows 10 por Bluetooth; contan con certificación IPX4 que garante a súa resistencia a salpicaduras e a suor; e a súa autonomía para a reprodución musical é de 10 horas (cun total de 20 horas co estoxo de carga).
A comunicación sen fíos destes auriculares realízase por Bluetooth 5.0 a unha distancia de até 10 metros e permite a reprodución de son en formato SBC e AAC, sendo tamén compatibles con 360 Reality Audio.

JPEG - 47.5 KB
O estoxo permite incrementar a autonomía dos auriculares até as 20 horas de reprodución musical
JPEG - 73.1 KB
Os auriculares de Sony teñen un deseño ergonómico e chegan en cores atractivas

PUBLICIDADE