Novos contidos de formación en liña para o terceiro sector

mércores, 18 de xaneiro do 2023 Redacción

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, presentou hoxe por videoconferencia, ante unha cincuentena de profesionais que traballan en entidades do terceiro sector, os recursos e contidos que a Xunta de Galicia pon a dispor, por primeira vez a través do seu Campus Virtual, para que as persoas interesadas poidan preparar as probas de competencias clave en matemáticas e linguas xa convocadas para este 2023.
No seu compromiso de seguir apostando por unha poboación activa cualificada, Lado anunciou que o Goberno galego ofrece estes recursos co obxectivo de que as persoas poidan autoprepararse para as avaliacións de competencias clave que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca cada ano e que no caso deste 2023 está previsto celebrar no mes de maio no recinto feiral de Silleda. Estas probas permitirán acreditar os coñecementos en matemáticas e comunicación en lingua castelá, galega e inglesa de persoas que carecen da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ou o Bacharelato co obxectivo de facilitarlles o acceso á formación para o emprego e para cursar os certificados de profesionalidade que inclúen este nivel educativo como requisito.
“Estamos ante un novo recurso especialmente dirixido a aquelas persoas que non poden acceder a accións formativas que lles permitan cualificarse nos ámbitos profesionais nos que queiran desenvolver a súa traxectoria laboral”, indicou Lado, quen lembrou que todos os contidos para a autoformación están a dispor no Campus Virtual de Emprego Galicia para que os candidatos poidan preparar as probas ao seu ritmo e de forma flexible.
Con motivo da publicación da convocatoria o pasado 10 de xaneiro de 2023, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade trasladou esta opción formativa ás entidades que traballan na atención a persoas que adoitan participar nas avaliacións, coa finalidade de que colaboren na súa preparación. Entre as organizacións participantes na sesión de hoxe estiveron: Aspace, Acopros, Cogami, Fundación Secretariado Gitano, Fundación Érguete, Down Galicia, Fademga, Acción contra el hambre, Cermi-Galicia, Fundación Juan Soñador e a Asociación Boa Vida Inclusión Activa e EAPN-Galicia.
O Goberno galego estima que unhas 4.000 persoas poidan interesarse pola convocatoria 2023 das probas. A presentación de solicitudes rematará o próximo 10 de febreiro e as inscricións poden tramitarse na sede Electrónica da Xunta (procedemento TR306A).
Con medidas como esta a Xunta de Galicia trata de favorecer o acceso á cualificación profesional de galegas e galegos, sen que a súa formación académica previa poida resultar un impedimento á hora de incrementar as súas opcións laborais no futuro.
Dende 2009 até 2022, solicitaron participar nestas probas un total de 41.529 persoas, poden obter máis información sobre as mesmas vía web.

PUBLICIDADE