Novos monitores gaming de Sony

martes, 24 de setembro do 2024 Marcus Fernández

Sony está a renovar a súa liña de monitores para gaming con dous novos modelos de 27 polgadas que buscan achegar a mellor experiencia de xogo, ofrecendo prestacións diferenciadas para adaptarse a distintas preferencias e prezos.
O monitor máis básico sería o Sony Inzone M9 II, que cun prezo de 999 euros ofrece unha pantalla IPS 4K de 160 Hz con retroiluminación Full Array Local Dimming para un bo contraste, un tempo de resposta de só 1 milisegundo, unha gama de cores intensas, un brillo de 750 nits con certificación DisplayHDR 600 e conectividade HDMI 2.1, polo que pode resultar axeitada para a PlayStation 5, aínda que tamén conta con tecnoloxía nVIDIA G-SYNC para que os xogadores de PC poidan gozar axeitadamente das súas posibilidades. Estará dispoñible a partir do 4 de novembro.

Vídeo de presentación do Inzone M9 II

Os xogadores máis esixentes podería optar polo monitor Sony Inzone M10S, que pese a reducir a súa resolución até QuadHD (ou sexa, 1440p) compensa sobradamente tal situación ao contar cun panel OLED de 480 Hz cun refresco de 0,03 milisegundos. O seu prezo é de 1.349 euros, e no seu desenvolvemento colaborou o equipo Fnatic, sorprendendo por contar cunha función de axuste de pantalla de 24,5 polgadas, apto para competicións, así como para shooters en primeira persoa. O monitor ten un brillo de 1.300 nits con tecnoloxía Micro Less Array+ e certificación DisplayHDR True Black 400. Nesta ocasión está claro que estamos ante un monitor que estaría completamente desaproveitado cunha PS5, e estaría destinado para usar con potentes ordenadores persoais. Estará dispoñible a partir do 11 de outubro.

Vídeo de presentación do Inzone M10S